RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se realiza a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2023 (código de procedemento PL500C).

Mediante a Resolución do 28 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística (DOG núm. 45, do 6 de marzo), convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, que tiveron lugar en maio e xuño deste ano. Co fin de seguir atendendo a demanda cidadá neste ámbito, considérase necesario efectuar unha segunda convocatoria destas probas en 2023.

Xa que logo, de acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 146, do 30 de xullo), logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento da lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Por todo iso,

RESOLVO:

1. Obxecto.

Realizar a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4, no ano 2023, con código de procedemento administrativo PL500C.

2. Persoas destinatarias.

As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

3. Datas de realización das probas.

As probas dos distintos niveis Celga terán lugar na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2023, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

4. Localidades onde se van realizar as probas e niveis.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Localidade

Nivel

Santiago de Compostela

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ponferrada

Celga 2

Celga 3

Celga 4

As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.

 

enlace o DOGA pincha aquí:

convocatoria celga 2023
Menú